Edadismo

La Voz de Galicia – 30 de septiembre, 2022 →

Cristina PatoMañá celébrase o Día Internacional das Persoas de Idade, designado polas Nacións Unidas no ano 1990. E a verdade é que é complexo pensar en como estaban as cousas hai trinta anos con respecto á idade e como están agora. Sen dúbida hai tantos xeitos de envellecer coma persoas hai no mundo, e cada un leva os anos como pode, segundo as circunstancias que o rodean. Algúns son dependentes e outros independentes; algúns teñen familia e outros non; algúns envellecen na súa casa e outros en residencias…

Pero cando hai dous anos Amnistía Internacional emitía o informe «Abandonadas á súa sorte. A desprotección e discriminación das persoas maiores en residencias durante a pandemia covid-19 en España», deixaba moi claro o idadismo institucional da nosa realidade. Pois non podemos esquecer que no 2020 houbo unha parte da nosa sociedade á que se lle denegou o dereito a ir a un hospital, encerrándoa, literalmente, nesa complexa e desigual rede que son as residencias de maiores. Amnistía Internacional denunciaba «cinco violacións de dereitos humanos: á saúde, á vida, á non discriminación, á vida privada e familiar, e a unha morte digna», e a día de hoxe segue pedindo xustiza para os responsables desas decisións.

Segundo os datos que aporta a ONU, na actualidade hai máis persoas maiores de 60 anos que menores de 5, e sinala que todos os países teñen que prepararse a nivel social e sanitario para ese cambio demográfico. E precisamente unha das metas deste día internacional é «pór en relevo a necesidade dun instrumento xuridicamente vinculante sobre os dereitos das persoas de idade (…) por unha sociedade para todas as idades». Oxalá chegue a vella para velo!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.