Educación emocional

La Voz de Galicia – 4 de junio, 2021 →

Cristina PatoEsta semana escoitaba na radio unha entrevista a Azucena Díez, a presidenta da Sociedade de Psiquiatría Infantil da Asociación Española de Pediatría (AEP), na que falaba sobre o aumento dos problemas relacionados coa saúde mental nas consultas de pediatría, en especial a «ansiedade, a depresión e os trastornos da conduta alimentaria». Noutra noticia relacionada coa AEP falaban de que desde setembro do pasado ano «cuadriplicáronse os ingresos de menores relacionados con trastornos mentais», e que houbo un «incremento do 50 por cento das urxencias psiquiátricas en adolescentes».

E eu pregúntome que é o que podemos facer para poder axudar ao noso futuro, aos adolescentes que están a facer o que poden para sobrevivir emocionalmente a unha realidade para a que ningún de nós estabamos preparados. Pregúntome tamén como podemos axudarnos os uns aos outros con respecto a este tema, pois este ano ten sido difícil para todos: menores e maiores.

Hai pouco escribía sobre a idea de que non sempre temos as ferramentas necesarias para afrontar a nosa saúde mental e a dos que nos rodean. E hoxe, no final dun curso tan estraño, penso no complexa que tivo que ser a docencia presencial para os profesores que acotío viron e sentiron ao seu alumnado lidar con sensacións e emocións que non sempre son capaces de expresar, e que non todo o mundo entende. Se cadra, este é o momento para comezar a aceptar a importancia da educación emocional (e social), pois non só é necesaria no ámbito educativo, senón tamén fora del; e quizais con ela sexamos capaces de entender mellor que é o que nos pasa, para así aprender a xestionar esas emocións que ás veces non nos deixan ser.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.