Educadores

La Voz de Galicia – 13 de Octubre, 2017 →

Cristina PatoÁs veces crúzome con el polas rúas de Ourense, e aínda hoxe non son capaz de dicir moito máis ca un tímido saúdo. Probablemente non sexa consciente do impacto que tivo na miña adolescencia e no meu xeito de entender a literatura como un refuxio de vida e de saber…

Esta semana celébrase o cincuenta aniversario do nacemento do Project Zero, o laboratorio de investigación da aprendizaxe da Universade de Harvard. Co título Cambios na mente: cinco décadas de coñecemento sobre intelixencia, pensamento e aprendizaxe exploran o impacto que moitos dos seus investigadores, como Howard Gardner (intelixencias múltiples) ou David Perkins, tiveron na sociedade. Formar parte desa celebración, co que tamén foi o seu director, o profesor Steve Seidel, fixo que me preguntase cal é a razón pola que hoxe en día desfruto máis na ensinanza que no escenario.

O pedagogo brasileiro Paulo Freire falaba da idea de que «ninguén educa a ninguén, ninguén se educa a si mesmo, os homes edúcanse entre si, coa mediación do mundo»; e ver como os meus propios estudantes son os que están a dirixir a súa propia aprendizaxe é algo moi reconfortante.

No instituto Otero Pedrayo do 1994, o seu xeito de ensinar era único. Don Arturo Fernández Nóvoa guiaba a nosa aprendizaxe cunha mestura de realidade e de feitos relevantes xunto co día a día da gramática e da literatura, sempre con respecto, moito respecto polos corenta e pico sentados na súa clase. Non recordo o método, senón o impacto que tivo en min, e creo que lle debo moito nesa procura de min mesma a través das letras e da escoita constante. Pois como diría Freire «o educador é o que fai posible que os estudantes se convertan en si mesmos».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.