El disfraz de la alegría

La Voz de Galicia – 12 de febrero, 2020 →

Cristina PatoÁs veces pregúntome como lembraremos este momento das nosas vidas: que partes desta pandemia decidiremos esquecer, e con cales nos quedaremos. É curioso pensar que xa hai un ano que apareceran (oficialmente) os primeiros casos no noso país. E é aínda máis curioso pensar no paso do tempo durante este ano, pois para min fluíu a un ritmo diferente ao que estaba acostumada. É coma se fose un tempo flotante, que espera, que non sabe se gardar os minutos ou deixalos pasar.

E igualmente a vida segue, e o tempo pasa, e polo camiño imos perdendo un pouco de todo (vidas, soños, paciencia), e esa nube na que habita o tempo da pandemia semella que está agrisando todo o que nos propoñemos. E entón pensei no Entroido, na ilusión de imaxinar outra realidade na que unha pode ser outra cousa, na alegría da comunidade. Pero, por algunha razón, pensei no Entroido en tempo pasado, a pesar de que o Entroido é xa, en presente. Pois é coma se o tempo estivera estancado desde aquel último Entroido, e ao mesmo tempo pasaron tantas cousas! Pode ser que levemos un ano de Coresma?

Hoxe, antes de facer a rolda de chamadas familiares, decidín poñer o meu disfrace, o disfrace da alegría, pois non quería contaxiar a miña tristura ás miñas mulleres e heroínas. Non foi fácil atopalo, pois estaba moi escondido: debaixo das cousas que esquecer e no fondo do armario das penurias, alí estaba o meu disfrace da alegría. E unha vez o puxen, coa intención de facelas sorrir coas miñas ridículas nimiedades, acabei sorrindo eu tamén, e por un momento esquecín que estaba triste. Entón decidín deixalo posto até que remate o Entroido, a ver se coa ilusión me alegra a min tamén…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.