El orgullo de Marsha

La Voz de Galicia – 28 de junio, 2019 →

Cristina PatoNon tiña ganas de ler máis, só quería desconectar un pouco de tódalas cousas que teño pendentes e que non dou rematado. Decidín que ía desconectar aprendendo, así que comecei a buscar documentais na rede, e de casualidade caín nun chamado The Death and Life of Marsha P. Johnson, dirixido por David France. Vivo no barrio onde ela pasou a súa vida, e paseo acotío pola fonte que leva o seu nome, a fonte que marca o lugar onde apareceu morta no ano 1992, pero non coñecía a vida desta histórica drag queen.

A señora Jonhson foi unha das activistas do movemento polos dereitos da comunidade LGBT. Fixo historia por moitas razóns, pero unha delas é o feito de que formou parte das revoltas do Stonewall Inn de Nova York, tal día coma hoxe, hai cincuenta anos. Unha redada policial que marcou a orixe da loita organizada polos dereitos LGBT, e que foi un dos detonantes dos diferentes movementos pola liberación, dando pé a que durante este mes de xuño celebremos a festa do orgullo.

O documental narra a historia dunha muller cunha vida complexa, unha drag queen que viviu nas rúas, e que lidou non só coa realidade de adiantarse ao seu tempo, senón tamén coa da sida e das drogas do Nova York dos anos 70. Foi modelo de Andy Warhol e pioneira no activismo polo dereitos da comunidade transxénero.

No ano 1992 apareceu morta no río Hudson. A policía cualificouno como un suicidio e non comezou a investigar as causas do seu falecemento até o ano 2012. Pero este ano Marsha terá o seu monumento no seu barrio. E, aínda que nos queda moito para que a sociedade acepte tódalas versións de nós mesmos, a historia de Marsha é tan conmovedora que nunca debe ser esquecida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.