El proyecto Bach

La Voz de Galicia – 24 de mayo, 2019 →

Cristina PatoHai mil xeitos de construír unha carreira na música. Mil camiños para chegar a algures, e mil xeitos de aprender que o talento é unha responsabilidade.

Cando coñecín ao violoncellista Yo-Yo Ma, eu tiña 25 anos e levaba un ano de doutoramento nos EUA. Coñecino no momento no que eu xa decidira que fuxir de min mesma era o camiño que tiña que seguir. Despois dos catro anos frenéticos de Tolemia (1999) precisaba un tempo para estudar, e decidín deixar a gaita de lado. Pero entón apareceu el, e sen decatarse axudoume a atopar o xeito de volver a ela, con paixón, asumindo a responsabilidade de mostrar cómo a cultura é a única ferramenta que nos une.

Hai un ano que Yo-Yo Ma comezou unha viaxe fascinante, na que está a tocar as seis suites de Bach para cello solo en 36 cidades dos seis continentes. Con esta xira pretende iniciar unha conversa que vai máis aló da música, sobre como a cultura nos axuda a conectar e imaxinar un futuro mellor. É por iso polo que a cada un dos seus concertos decidiu engadirlles un «día de acción», no que o músico se asocia con organizacións locais para non só aprender da realidade de cada un dos lugares nos que toca, senón tamén para amplificar o traballo destas organizacións ou institucións que están a traballar por unha idea tan simple e complexa como é «un futuro mellor».

Hoxe, dende Barcelona, cidade onde mañá levaremos a cabo ese día de acción con Yo-Yo Ma, penso na gaiteira que veu a estudar aquí hai 21 anos e na que hoxe vos escribe, e recoñezo a luminaria influencia do violoncellista na miña vida.

E tamén reflexiono sobre a fortuna de atopar referentes que nos axuden a entender o rol das artes na sociedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.