El quiosco de la esquina

La Voz de Galicia – 31 de mayo, 2019 →

Cristina PatoHai dezasete anos que marchei do barrio de Gràcia e, aínda que voltei a Barcelona moitas veces, a verdade é que nunca me pasara polo meu antigo barrio. Tiña a mañá libre, quedara coa miña irmá Teté e a súa muller Jan para tomar algo, e como a miña cuñada tamén vivira unha tempada no meu piso de alugueiro decidimos quedar no barrio. Subín camiñando dende o meu hotel, cheguei á esquina de Travessera de Gràcia con Torrent de l’Olla, e entón vin o quiosco. Tardei un rato en achegarme. Mirei ao redor e non recoñecía o barrio. Xa non estaba o meu colmado, nin a tenda de conxelados, nin a panadaría. Pero si estaba o quiosco no que durante anos merquei o meu periódico diario á volta do meu paseo e da miña chamada matutina aos meus pais dende a cabina telefónica. Si, a cabina telefónica na que pasaba unha hora ao día charlando por cen pesetas tamén desapareceu.

Asomei a cabeza, e en cuestión de segundos o quiosqueiro, asombrado, dixo «Pato Verde!», e quedamos os dous mirándonos, coma pasmóns, sorrindo e sen saber que dicir. Había dezasete anos que non nos viamos, e aínda que o barrio estaba agora cheo de bancos e locais abandonados, el seguía alí, co seu quiosco, coma unha lembranza dun tempo pasado, coma unha metáfora da supervivencia.

O encontro fíxome pensar naqueles anos no que compartía piso coa Pili e coa Eli, nos que aínda podía charlar co meu pai polas mañás, e nos que as rúas de Gràcia estaban cheas de vida real. Volvín a Ourense pensando no triste que é que desaparezan os negocios para que non apareza nada, e entón decateime de que non hai tanta diferenza entre os meus dous vellos barrios, ou si: aquí, en Ourense, xa non quedan tantos quioscos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.