El silencio

La Voz de Galicia – 7 de octubre, 2022 →

Cristina PatoEsta semana, co gallo da morte do periodista Jesús Quintero, os medios resaltaban a súa mestría co uso do silencio, o seu ritmo pausado. Unha calidade que me fixo matinar sobre cal é agora o papel do silencio nas nosas vidas e nos nosos traballos, e por que nos sorprende tanto o importante que era para Quintero a pausa. Pois o silencio, como pausa escollida, é unha ferramenta realmente poderosa á hora de deixarnos tempo para pensar, para reflexionar sobre o que queremos ou non queremos dicir, para organizar as palabras e os pensamentos máis profundos. E precisamente por iso, é unha ferramenta esencial para a comunicación e o entendemento, non só de xeito público, como facía o periodista, senón tamén de xeito privado. Pois sen esa pausa que ás veces representa o silencio, non seriamos quen de coñecernos nin a nós mesmos nin aos que están arredor de nós.

Tamén pensei en como o silencio foi facéndose sitio na miña vida, e sobre o que significa aprender a abrazalo e a sentirse cómoda con el. No que supuxo para min aprender a utilizalo para estar no presente (e non para preparar o futuro inmediato) e aprender a escoitar sen xulgar. Pois esa idea, a do silencio como pausa escollida (que é moi diferente a outros tipos de silencio aos que non me refiro nesta columna), pode realmente cambiarnos a vida.

Todos temos o noso ritmo particular, pero todos temos en común que precisamos de momentos de reflexión que non sempre nos proporcionan nin nas aulas nin nos medios de comunicación. Polo que abrazar a pausa como parte dunha conversa con outra persoa, ou coa vida mesma, é unha acción tan necesaria (e radical) coma aprender a escoitar(nos) con atención plena.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.