El viaje de Yuri

La Voz de Galicia – 12 de abril, 2019 →

Cristina PatoUn 12 de abril de hai cincuenta e oito anos, o cosmonauta ruso Yuri Gagarin convertíase no primeiro ser humano en viaxar polo espazo exterior. Viaxaba no Vostok 1, e levoulle cento oito minutos engalar, dar unha volta ao globo terráqueo e aterrar. Agora que o penso, Gagarin tardou menos en orbitar a Terra no ano 1961 que eu en ir de Ourense a Lugo no 2019.

Tal día coma hoxe comezaba unha nova era, a das viaxes espaciais. Un momento histórico que se celebra a través do Día Internacional dos Voos Espaciais Tripulados. Unha iniciativa da ONU que pretende reafirmar o rol da ciencia e da tecnoloxía no benestar da sociedade, e asegurar que se cumpra o desexo de «reservar o espazo ultraterrestre para fins pacíficos».

Esa frase, que pechaba a resolución da Asemblea Xeral na que se establecía este día internacional, fixo que imaxinara as mil e unha razóns polas que a ONU quería lembrarnos que o uso do espazo ten que ser pacífico. Pois non deixa de ser curioso que a meirande parte dos grandes avances tecnolóxicos (GPS, Internet…) comezaran precisamente co fin contrario: coas guerras, coa destrución, coas invasións, coa loita polo poder. Non somos capaces de avanzar sen conflitos?

O ser humano é capaz de facer posible o imposible. Só ten que atopar unha razón de peso para querer mudar o mundo: se cadra, a sede de poder e conquista ten máis peso que a sede de igualdade e sostibilidade. A carreira espacial é tan necesaria para entender a nosa existencia como a carreira pola paz o é para existir. Fomos capaces de orbitar a Terra no 1961, de reservar o espazo exterior para a paz, e aquí, no chan, parece que non queremos deixar de pelexarnos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.