Emigrantes

La Voz de Galicia – 22 de Septiembre, 2017 →

Cristina PatoA revista americana The Atlantic publicaba no 2013 unha entrevista á escritora haitiano-americana Edwidge Danticat na que falaba da idea de que «todos os inmigrantes son artistas» pois para construír unha vida noutra cultura fai falta moita creatividade, e como ela mesma describía, a idea de comezar de cero noutro lugar «é coma un lenzo en branco, no que pincelada a pincelada un vai construíndo unha vida» citando a imaxinación e a esperanza de que algo sairá do esforzo realizado como elementos comúns entre a emigración e a creación artística.

Como filla de emigrantes tento imaxinar o duro que tivo que ser tomar a decisión de marchar para logo voltar. E mirando cara atrás, e coa perspectiva de Danticat, os meus pais, como tantos outros, fixeron un esforzo inhumano por reconverterse e crear unha vida familiar estable. A creatividade da miña nai para vestir ben ás súas catro fillas: até a adolescencia toda a nosa roupa era feita por ela, a man, na casa, con retallos. As múltiples profesións do meu pai: Dositeo foi músico, reloxeiro, enmarcador, fotógrafo, xoieiro. Coa esperanza de que provéndonos da mellor das educacións creariamos un futuro mellor.

Quizais na frase de Danticat poidamos explicar a inxente creatividade do pobo galego. A emigración de finais do dezanove contribuíu proxectos incribles para a nosa identidade dende o exterior; e os que quedaron foron capaces de reconstruír as súas vidas con ben pouco e igualmente contribuír. Inspiración pura para a nosa realidade de hoxe: a Galicia do 16 % de desemprego (35 % en menores de 25) precisa agora máis que nunca a imaxinación e a esperanza que levaron no peito as dúas xeracións que nos preceden.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.