Empezar de nuevo

La Voz de Galicia – 8 de septiembre, 2023 →

Cristina PatoAgora que o penso, non lembro moi ben se cando era pequena esperaba con ansia este momento do ano, ou era das que preferiría quedarse sen facer moito un pouco máis. O que si que lembro é que o comezo do curso traía ás veces unha sensación complexa, por unha morea de razóns, e supoño que hoxe sigo levando comigo esa sensación agridoce na que son consciente de que algo significativo remata (un verán coa familia) e que este inicio do curso escolar non sei moi ben por onde me levará.

Nestas datas, algunhas persoas deciden facer propósitos para mellorar a súa vida, ou para aprender algo novo, collendo esta etapa do ano con esperanza, soñando cun capítulo novo da súa novela persoal. Para outras, este momento pode significar a volta ao cansazo, ao correr sen parar, a volta a unha rutina non sempre buscada, non sempre desexada. E tamén haberá estudantes que sintan nervios, ou medo, porque o inicio do curso implica un cambio de cidade, de amigos, de vida, de ciclo… Sexa cal sexa a situación de cada un, hai algo fascinante neste momento do ano. De súpeto somos conscientes do rápido que chega o anoitecer, de súpeto chegou a choiva e mudou a luz, de súpeto recupérase o ritmo habitual das cidades e das aldeas, de súpeto volvemos a ser nós coas nosas circunstancias… Rematou a paréntese que paralizou o país no mes de agosto (estiveramos ou non de vacacións), e comezou a présa (con todas as súas consecuencias).

E eu, neste momento de cambio, aproveitarei para reflexionar sobre como serei capaz de cumprir os propósitos persoais que me prometín hai algún tempo: traballar a esperanza acotío, deixar a présa para quen poida con ela, e aprender a vivir ao meu ritmo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.