Enjuiciar

La Voz de Galicia – 26 de agosto, 2022 →

Cristina PatoLevo uns días dándolle voltas ás razóns polas que tendemos a xulgar por xulgar, ás veces dun xeito tan indesexable coma violento. Non falo da xustiza, nin dos criminais; falo de xulgar o cotián, da nosa teima con axuizar a xente e as súas accións no seu día a día.

Séntese sobre todo nas redes sociais, aínda que tamén está moi presente no mundo real, e esta semana preguntábame se unha cousa estaría relacionada coa outra… É dicir, sempre fomos así, sempre criticamos, pero o feito de que todos os días haxa centos de miles de persoas xulgando a outros centos de miles, polas razóns que sexa, supoño que dá pé a que teñamos normalizada a reacción de xulgar sen pensar, sen reflexionar no que iso supón, sen ter en conta as circunstancias.

Non sei se a crítica destrutiva xa estaba aí antes de que todas as televisións a normalizaran na política, no corazón, na cultura e na sociedade. Supoño que si, pois a historia de calquera aldea, vila ou cidade, ensínanos que o xuízo informal do pobo é tan poderoso coma para facer sentir a alguén que non pertence a unha comunidade. Pero estes días pensaba na frase de Ortega y Gasset «Yo soy yo y mi circunstancia», e no importante que é entender as circunstancias dun para poder aprender a non xulgar (ou criticar) ao outro. Pois todos somos vítimas e verdugos deses xuízos populares, non só as persoas públicas, e nesta realidade complexa na que vivimos, na que sobrevivir xa é complicado, que necesidade temos de gastar a nosa enerxía en xulgar a aquel que decide vivir a súa vida ao seu xeito acorde coas súas circunstancias? E logo non somos todos libres de construír a felicidade no contexto no que nos tocou vivir?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.