Escuchar a la naturaleza

La Voz de Galicia – 19 de marzo, 2021 →

Cristina PatoMañá sábado, ás dez e trinta e sete da mañá (hora peninsular), entra oficialmente a primavera. Xa pasou un ano enteiro desde o inicio daquela outra primavera na que ninguén podía saír da casa, desde aquel momento no que nos decatamos de que isto non ía ser unha cousa dun par de semanas. Un ano desde que entendemos que nós, os humanos, non somos os donos do mundo.

A natureza segue o seu ciclo, as estacións pasan, e todo arredor de nós vaise adaptando a eses cambios. Ás veces pregúntome cal é o noso rol no cambio das estacións, ou que lle aportamos á natureza nesas transicións. E outras veces penso que vivimos de costas a ela, mirando cara outro lado, sen decatarnos de que todo arredor de nós está relacionado e constantemente cambiando.

Eu lembro a dor no peito que sentía hai un ano exactamente: a dor da incerteza, da incomprensión, do medo. E hoxe, con esa mesma sensación, pregúntome canto cambiamos nós, os humanos, durante este ciclo completo. Cales foron os nosos procesos de adaptación? Canto aprendemos da capacidade de renovarse e de renacer da natureza?

Cando non atopo respostas a nada, cando me perdo na miña espiral particular, sei que teño que saír a camiñar. Hai algo na natureza que fai que unha se reconcilie consigo mesma. Pero tamén hai algo que fai que unha se marabille con simplemente sentir ese raio de sol de primavera quentándome o lombo… Quen me dera poder levarme esa sensación para casa, poder gardala para cando me fai falta!

Mañá levantareime con ese obxectivo: o de marabillarme coa natureza, para ver se polo camiño consigo ser capaz de aprender dela que a capacidade de adaptación forma parte da nosa existencia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.