Escucharnos

La Voz de Galicia – 29 de enero, 2021 →

Cristina PatoQuedan 336 días para rematar o 2021 e unha xa ten ganas de, polo menos, chegar ao verán ou a ese momento do ano no que a meirande parte da poboación estea vacinada.

Esta semana estiven intentando calcular cando lle tocaría a vacina á miña nai, ás miñas irmás, ao meu marido e a min; e de súpeto eses 336 días pesáronme máis ca nunca… Será no verán?, no outono?, no próximo inverno? Chegará para todos? Entón comecei a pensar na idea de que este ano vai rematar sendo bastante semellante ao ano pasado, e que se temos a sorte de non coller o virus (e sobrevivir fisicamente), vainos custar máis ca nunca tirar cara adiante (e sobrevivir mentalmente), pois estamos cansos e sen enerxía.

É difícil ter esperanza nun momento coma este. Se cadra debería ser máis fácil aferrarnos a ela agora que xa imaxinamos a data na que poderemos permitirnos estar xuntos sen medo. Pero, por algunha razón, hai días nos que por moito que unha o intente non o consegue, porque, aínda que cheguemos a esa inmunidade desexada, ningún de nós é inmune á situación económica e social do presente nin á do futuro, e non haberá vacina que poida solucionar esa consecuencia da pandemia a curto prazo…

Supoño que o que quero dicir hoxe é que, a pesar de que non vexamos a luz ao final do túnel, seguimos estando aquí, e esa debería ser razón dabondo para non perder a esperanza. A saúde mental é máis importante ca nunca, e non sempre estamos provistos das ferramentas necesarias para manternos sans (mentalmente). Pero comecemos por escoitarnos os uns aos outros, con tempo, respecto e empatía, pois quizais ese sexa o único remedio que nos quede para poder sobrevivir todos xuntos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.