Europa

La Voz de Galicia – 11 de junio, 2021 →

Cristina PatoA verdade é que, aínda que nalgunhas cousas estamos mellor que a xeración que nos precede, noutras semella que estamos peor. Se unha se para a pensar nos datos do desemprego xuvenil en España, que segundo Eurostat (a oficina europea de estatística) rolda o 38 % nos menores de vinte e cinco anos, faise difícil imaxinar a sensación de todos aqueles que pensaron que o seu futuro podería ser similar (ou mellor) á realidade dos seus pais.

Nese 38 % haberá infinidade de historias, infinidade de realidades sociais e culturais, e non é xusto tentar falar dun perfil concreto cando eses datos están a afectar a tantos e tan diversos. E aínda que os menores de vinte e cinco anos xa viviron dúas grandes crises (a do 2008 e a de agora), ninguén os preparou, nin a eles nin a nós, para aceptar as consecuencias dunha realidade tan desesperanzadora.

Tamén é difícil pensar que nesta Europa da que formamos parte haxa unha diferenza tan grande entre a taxa de desemprego xuvenil dos países que a conforman. Desde o 6 % de Alemaña até o 15% de Irlanda, pasando polo 23 % de Portugal, é como se o feito de formar parte dun todo non nos estea axudando a aprender un pouco máis dos outros. Segundo a páxina da Unión Europea, un dos obxectivos da UE é «favorecer un desenvolvemento sostible baseado nun crecemento económico equilibrado (…) nunha economía de mercado altamente competitiva con pleno emprego e progreso social». Está claro que algo estamos a facer mal, pois entre o noso 38 % até o 6 % de Alemaña hai un abismo. Pero eu quero pensar que, aínda que haxa esa diferenza, quizais tamén haxa esperanza, pois se eles poden, por que non nós? E logo non formamos parte desa utopía?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.