Filosofía Práctica

La Voz de Galicia – 21 de junio, 2019 →

Cristina PatoPasmando, mirando á nada, paseime de parada. Crucei a vía e entrei no metro que me levaría de volta á estación na que me tiña que ter baixado había cinco minutos. Polo menos desta atopei sitio para sentar, así que sentei, e aí estaba a publicidade da Escola de Filosofía Práctica de Nova York. E entón quedei matinando no fermoso do concepto de que existira unha escola accesible a tódolos públicos (se non, non a anunciarían no metro) que se adicara á práctica da filosofía. Sorrín e decateime de que probablemente a orde das palabras aquí si que alteraba o produto: filosofía práctica non será o mesmo que a práctica da filosofía, ou si?

O caso é que o anuncio fíxome pensar na filosofía da miña nai, e na de tódalas vellas e vellos que coma ela aprenderon a «filosofía práctica» a través das súas historias de vida. Pensei no afortunada que fun por terme criado entre vellas e sabias mulleres que me aportaron tanto ou máis que os libros que me salvan a vida acotío. E pensei no pouco que escoitamos hoxe aos nosos vellos.

Probablemente Galicia non precise unha escola de filosofía práctica, pois o noso xeito de ser xa nos fai cuestionalo todo. Pero sendo prácticos, se Ourense é a provincia máis avellentada do país terá que haber un xeito de sacar algo en positivo do máis negativo dos nosos índices, non?

A miña reflexión de hoxe vai sobre o noso solsticio, o noso particular solsticio social. Imaxinade que os medios deixan de repetir as omnipresentes novas globais, ou de amplificar absurdezas, e comezan a darlle voz á xeración que, a piques de desaparecer, levará consigo a sabedoría do pobo. Poderiamos chegar a ser, polo menos, os máis sabios de Europa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.