¿Futuro?

La Voz de Galicia – 2 de junio, 2023 →

Cristina PatoSempre prefiro non falar de política, porque, por poñer un exemplo, nun lugar tan complexo coma Ourense, pode pasar calquera cousa, imaxinable ou inimaxinable… Así que para a columna de hoxe pensei en centrarme noutros titulares relevantes desta semana. Pero ou estou moi pesimista, ou simplemente non fun capaz de atopar unha noticia inspiradora. Entre o comunicado do Center for AI Safety (un prominente grupo de investigadores da intelixencia artificial) e o informe impulsado pola Earth Commission (e publicado na revista Nature) sobre os perigos que está a afrontar a terra, unha non deixa de preguntarse que é o futuro exactamente? de canto tempo estamos a falar cando falamos de futuro neses dous contextos?

O Center for AI Safety, cuxa misión é «reducir os riscos a escala social da intelixencia artificial», viña a dicir que «o risco de extinción» da IA é comparable «ás pandemias e á guerra nuclear». E o equipo de científicos da Earth Commission pregúntase «cales son os limiares ambientais que non debemos cruzar para salvagardar un planeta que poida sustentar o benestar humano», pois estamos «empurrando o planeta cara a puntos de inflexión irreversibles».

E é aí cando comezo a matinar sobre o verdadeiro significado de todas esas palabras chave que se repiten cando falamos de cambio climático ou de IA: futuro, benestar humano, extinción… E tamén sobre as complexas mensaxes que se constrúen arredor delas, porque aínda que unha queira asumir a responsabilidade que lle toca, ás veces, o medo que transmiten pode levarnos á parálise, á indolencia, á impotencia… ou a preguntarnos cales son os nosos limiares particulares para poder estar no mundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.