Inteligencia artificial

La Voz de Galicia – 17 de febrero, 2023→

Cristina PatoFalaban os meus estudantes da intelixencia artificial (IA), do que significan as novas ferramentas coma ChatGPT, o modelo de linguaxe de IA que interactúa cun formato de diálogo «que fai posible que responda a preguntas, admita os seus erros, desafíe premisas incorrectas e rexeite solicitudes inadecuadas»; ou DALL·E 2, o sistema de IA «que pode crear imaxes realistas e arte a partir dunha descrición en linguaxe natural». Reflexionaban sobre as súas consecuencias no futuro inmediato da educación, das artes, da información. Sobre o que supón dar un par de instrucións a unha «máquina» (realmente é un chatbot) e recibir unha redacción ben escrita, ou unha obra de arte ben feita, non polo humano que dá a orde, senón polo chatbot que a recibe. E eu, ao escoitalos falar sobre o tema, sobre as súas implicacións éticas e morais, comecei a pensar na diferenza entre a xeración Z (os que xa creceron coa internet e a tecnoloxía) e as xeracións anteriores. Pois estaba claro que eles entendían á perfección algo que para min segue a ser difícil de comprender.

Entón lembrei todas aquelas veces que sentín que a miña nai non entendía completamente o que lle estaba explicando. Lembrei a súa cara cando, sentadas xuntas no sofá, mira para min desconcertada mentres eu miro para o ordenador. E de súpeto imaxinei que pasaría se en vez de falar con ela por videoconferencia todos os días, falase cun chatbot de IA que aprendese o seu xeito de dialogar, o seu humor, a súa sabedoría… Sentiría eu o mesmo que sinto cada vez que contesta á miña chamada e falamos de todo e nada? Pois non sei se quero sabelo, xa que agora son eu a que, desconcertada, mira cara aos avances da IA.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.