Keita Balde

La Voz de Galicia – 12 de junio, 2020 →

Cristina PatoA odisea do xogador do Mónaco Keita Balde para intentar axudar aos xornaleiros da súa cidade natal, Lleida, debería facernos reflexionar sobre o racismo sistemático que acontece arredor de nós.

Todo comezou cunha charla virtual do actor Paco León con Serigne Mamadou, o portavoz da plataforma #RegularizaciónYa. A situación de 200 traballadores da campaña da froita de Lleida chegou aos ouvidos do afamado xogador Keita Balde, que, á súa vez, contactou coa activista antirracista Nogay Ndiaye para que lle axudase a mellorar a situación desas persoas que, traballando para outros, estaban vivindo na rúa. Segundo declaraba ela ao diario As, cando a contactou Balde «díxenlle que ía ser difícil; aquí custa moitísimo conseguir un piso para unha persoa non branca», e así comezaron cun proceso que foi revelador para o propio xogador. Pois a pesar de poñer os cartos por adiantado, a meirande parte dos hoteis da súa cidade déronlle un non por resposta.

Confesaba Balde que quería colaborar de xeito anónimo «pero tiven que saír á luz para conseguir un sitio onde hospedalos (…). Non busco unha guerra social ou moral, nin de raza, nin de orixes. Busco solucións para axudar a estas persoas». Entón o concello interveu, e de súpeto apareceron 110 habitacións, cando Balde e Ndiaye xa conseguiran alugar un edificio para acoller a 90 traballadores.

Estes días penso nos cambios que temos que iniciar na nosa contorna para lograr a xustiza social. Os microrracismos son tanto ou máis perigosos que o racismo institucional no que se instalaron as nosas vidas. E quizais deberiamos comezar por abrir os ollos para velo e a escoitar para entendelo, para así poder actuar para cambialo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.