La falta de tiempo

La Voz de Galicia – 6 de Abril, 2018 →

Cristina PatoSupoño que é este tempo gris que parece que non acaba de abrir, pero resulta complicado manterse motivada cando unha non atopa a enerxía física ou mental para sacar as cousas adiante.

A miña irmá Raquel, educadora, música e profesora de música en secundaria, leva algún tempo investigando sobre a motivación e a implicación dos estudantes de música en secundaria e a súa relación co rendemento académico. O tema da súa tese doutoral é tamén o tema da súa vida: pasou de motivarme a min (son a súa irmá pequena) a motivar aos seus estudantes, e agora á súa filla, coa música como leitmotiv para nutrir outros moitos valores pedagóxicos nos que se sustenta a sociedade.

A relación da implicación musical co rendemento académico que investiga a miña irmá é a que me leva a celebrar o logro dun dos nosos investigadores na diáspora: o neurólogo galego de Harvard doutor Miguel Alonso-Alonso, que vén de publicar esta semana un artigo na prestixiosa revista Nature sobre os efectos neurocognitivos do umami (o quinto sabor). Miguel é tamén un pianista incrible que, coma miña irmá, escolleu un camiño diferente pero non deixou a música como ferramenta de vida. E cantos máis coma eles, pois Harvard ten unha orquestra sinfónica formada unicamente polos médicos en activo da súa Escola de Medicina. Como atopan o tempo para facelo todo?

Unha das definicións de motivación é que é o conxunto de factores que determinan unha actitude ou comportamento. Para min, a música e a falta de tempo van da man á hora de manter a motivación, pois, como dicía Leonard Bernstein, «para facer grandes cousas un precisa de dúas cousas: un bo plan e non ter suficiente tempo».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.