La lengua de mi madre

La Voz de Galicia – 17 de mayo, 2019 →

Cristina PatoCando escoito falar a miña nai coas súas irmás, quedo abraiada coa fermosura do seu galego: coa súa entoación, coas súas expresións, coa súa gheada e coa diversidade do son da súas vogais. E entón comezo de novo a preguntarme as razóns polas que nunca nos falou galego a nós, ás súas catro fillas. Tódalas conversas entre meus pais eran en galego, pero con nós mudaban ao castelán, a un castelán de TVE, cun acento neutro.

Supoño que o caso da miña familia é un caso habitual na xeración dos emigrantes, como o foron meus pais. Pero sempre me resultou curioso que fora unha cuestión sistemática na miña familia materna (do rural da Bola), e que a meirande parte dos meus primos viviran o mesmo tipo de bilingüismo social que tiñamos nós.

Cando comecei a falar deste fenómeno nos Estados Unidos, dentro do contexto da memoria cultural, comecei a entender o fondo da súa decisión. Non creo que fora unha decisión consciente; quizais, na súa infancia, na súa realidade, os que chegaban a algo non falaban galego. Miña nai aceptou o bilingüismo social como modo de supervivencia, e eu son filla desa realidade.

Non asumín o galego como lingua vehicular até hai ben poucos anos. E é unha pequena loita diaria conseguir falalo en tódolos contextos. Desfacerme do galego que aprendín na escola para aprender con orgullo o que me pertence, o das mulleres da miña casa, é un dos exercicios máis enriquecedores da miña vida. É tamén un compromiso, e unha declaración de intencións. Pero aínda hoxe éme complicado manter unha conversa con miña nai en galego: cando se decata de que está a falar comigo, e non cunha das súas irmás, volve ao castelán. A memoria histórica está en todas partes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.