La lógica

La Voz de Galicia – 13 de xaneiro, 2023 →

Cristina PatoEste sábado, 14 de xaneiro, celébrase o Día Mundial da Lóxica, unha efeméride que comezou no 2019, promovida pola Unesco e o Consello Internacional de Filosofía e Ciencias Humanas (CIPSH), coa intención de «chamar a atención dos círculos científicos interdisciplinarios e do gran público sobre a historia intelectual, a importancia teórica e as repercusións prácticas da lóxica». E a verdade é que, lendo as novas destes días, unha pregúntase cal é o papel da lóxica nas nosas vidas e no noso xeito de entender o que acontece arredor de nós. Segundo a Real Academia Galega, a lóxica é a «ciencia que estuda os procesos intelectuais polos que se chega ao coñecemento verdadeiro», pero que significa o coñecemento verdadeiro na era da posverdade? Pois a posverdade, tamén segundo a RAG, é o «conxunto de feitos ou afirmacións sen fundamento obxectivo que conectan coa emotividade do receptor e que, propagados de forma repetitiva para influír na opinión pública, son tidos como verdadeiros»; e, por desgraza, o que nos ten amosado este termo é que esas mentiras convertidas en verdades son as que están a remover o mundo. Semella que pouco a pouco fomos deixando de reflexionar, de cuestionar de onde veñen as cousas que nos contan como verdadeiras, e polo camiño perdemos a nosa capacidade para poder diferenciar as verdades das semiverdades, das mentiras…

A Unesco di que a celebración dun Día Mundial da Lóxica «pode contribuír á promoción dunha cultura de paz, diálogo e entendemento mutuo», pero como podemos restaurar a lóxica nas nosas vidas cando todo arredor de nós nos empurra cara o contrario? Con que ferramentas contamos para loitar contra a posverdade?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.