La motivación

La Voz de Galicia – 30 de octubre, 2020 →

Cristina PatoDecidín parar no parque, a medio camiño, porque para variar cargara de máis as bolsas do súper e xa me doían as articulacións. Sentada nun banco quedei pasmando coa cor amarela das follas das árbores, coa luz que emitían nun día tan gris; e entón vino pasar, co seu carriño de sempre, coa súa elegante figura… E coma nesta época da miña vida a présa non me leva a ningunha parte, decidín quedar alí un pouco máis, mirando á nada, e mirándoo a el, o varredor.

O señor varredor non ten poucos anos. Leva tempo traballando polo meu barrio, e sempre me chamou a atención o xeito que tiña de facer o seu traballo: co seu inmaculado uniforme, e con moito respecto, limpa e recolle tódalas cousas do chan, e cada un dos seus xestos ten o seu ritmo, a súa beleza.

Hoxe, despois de recoller unha lata do chan, sentou nun banco do parque. Mirou para as follas amarelas, e cun sorriso na cara sacou o seu xel desinfectante, limpou as súas mans, sacou un manteliño de tea que puxo nas súas pernas, colleu a súa friameira e xantou, observando á nada do mesmo xeito que o facía eu, así, de pasada. Ao rematar desfixo o ritual, e, despois de recoller meticulosamente os seus cubertos, achegouse de novo ao carriño para coller un utensilio no que eu aínda non reparara: un bote de colonia. Perfumouse con disimulo e continuou afablemente o seu traballo.

Volvín a casa xusto despois, e logo de colocar a compra no sitio, nun día no que todo parecía gris, decidín cambiar o chándal co que levaba varios días por unha camisa de flores, e tamén me perfumei. E por algunha estraña razón, nese momento sentín que por fin podería asumir o que tiña que facer hoxe: escribir esta columna.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.