La voz del tiempo

La Voz de Galicia – 27 de setembro, 2019 →

Cristina PatoDe pequena imaxinaba como era a vida dos meus pais en Caracas, onde se coñeceran. Imaxinaba o seu mundo a través das súas historias. A narrativa das súas vidas na emigración suprimía a parte do traballo descomunal que levaban a cabo para poder sobrevivir, e o que transcendía da súa experiencia alí era a comunidade: os bailes e as reunións na Hermandad Gallega. Ás veces mencionaban de pasada o duro que fora chegar alí, ou o cambio que supuxo pasar de Armariz ou Berredo á capital de Venezuela. Pero o difícil, a tristura, non chegaba a nós, as fillas dos retornados.

Sempre sentín fascinación polo impacto da emigración na nosa terra. As máis de 300 escolas da emigración, escolas do noso rural creadas e financiadas por emigrantes nos séculos XIX e XX, son un dos exemplos máis poderosos de filantropía e compromiso social da nosa nación. Pero o xeito de entender o noso na Galicia exterior merece un capítulo aparte.

Miguel, Roberto e mais eu chegamos a Mar del Plata. Iamos participar na X Xuntanza de Gaiteiros preparando un concerto cos mellores embaixadores da nosa cultura alí: os fillos e netos de galegos que tocan e bailan acotío. Xa no escenario, e ao remate do concerto, achegueime a saudar á muller coa que chanceara todo o día, e entón os cen músicos comezaron a berrar: Que cante Visita! E Visita cantou. E eu non puiden conter a emoción. A voz de Visita Turnes, que chegou á Arxentina no 1958 sen intención de quedar, contiña tódalas cores e dores da emigración.

As outras Galicias son as nosas cápsulas de galeguidade. Cheas de paixón e de historias que probablemente se perdan no tempo, de leccións de vida que probablemente nunca escoitaremos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.