Las matrioskas de Xulia

La Voz de Galicia – 6 de mayo, 2022 →

Cristina PatoUnha vez comecei co libro non fun capaz de deixalo. A historia de Luz, Xulia e Sebas enganchoume de tal xeito que, logo de pasar un día completo cos tres, metéronse nos meus soños e cobraron vida durante un par de noites. Imaxineinos en tódalas situacións que creou Ledicia Costas para eles, escoitei as súas voces na miña cabeza, e rin coma había tempo que non ría. Na súa maxistral novela, Golpes de Luz (Xerais 2021), a escritora lévanos a exercitar o músculo da interxeracionalidade, meténdonos na vida e na mente da avoa Luz, da filla Xulia, e do neto Sebas, e axudándonos a reflexionar, dunha maneira natural e poderosa, sobre as múltiples realidades que coexisten arredor de nós.

Nun momento do libro, unha das protagonistas, Xulia, utiliza a metáfora das matrioskas (esas bonecas tradicionais de Rusia que encaixan unhas dentro das outras) para describir unha escena nun parque onde se xunta a xente maior, e é aí cando solta esta reflexión coa que levo un par de días: «Podes pasar a vida metida dentro da túa propia matrioska, cos ollos pechados aos outros mundos que pivotan arredor do teu. Negándote a esas realidades que están aí». E aínda que o contexto desta frase quizais non teña nada que ver coas razóns polas que quedei rumiando nela, a verdade é que canto máis o pensaba máis me encaixaba coa incrible desconexión que sufrimos hoxe en día (a pesar de vivir hiperconectados), esa que se crea entre o mundo real e o virtual. E como esoutro mundo, o virtual, está «negándonos» perspectiva sen que nos decatemos, pois grazas ás redes e ao algoritmo, e aínda que non queiramos, cada un de nós xa habita unha desas matrioskas das que fala a Xulia de Ledicia Costas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.