Letras que salvan

La Voz de Galicia – 13 de mayo, 2022 →

Cristina PatoHai días nos que unha non é capaz. Por nada en concreto, simplemente unha érguese un día co pé contrario e todo vai do revés. Hoxe foi un deses días. E aínda que o tiña todo ben planeadiño para que fora un día perfectamente normal, pois non saíu, e non saíu. E entón unha entra nesa espiral de culpa que fai que todo vaia a peor, e así, sen decatarse, remata o día, e sen poder facer nada por paralo, unha séntese impotente por non ter sido capaz de apreciar a súa privilexiada existencia.

Como é a mente! Que difícil é manter (ás veces) a saúde mental! Pois aínda que unha crea que ten unha boa disciplina, que é capaz de encamiñar os pensamentos para que non vaian por onde non hai saída, a verdade é que unha non pode controlar o que sente, e canto antes aprenda a aceptar iso máis probabilidades haberá de que ese sentimento de culpa (que tanto espazo ocupa) deixe de meterse en tódalas cousas que poden pasar nun día.

Cando o día vai así, do revés, refúxiome nos libros. A música xa hai tempo que non me saca do labirinto no que me meto eu soa. Pero a literatura si. Da Ledicia Costas da semana pasada, volvín a Inma López Silva e aos seus retratos de mulleres, e á Feliz Idade de Olga Novo, e rematei naquel poema inédito da máxica Eva Veiga, aquel que nos regalara para a nosa humilde reflexión escénica sobre o idadismo. E lendo e relendo nel, conseguín sacar a culpa do peito «sen medo aos monstros e ás sereas, que decote aleita a nosa propia mente». Porque iso é o que fan as letras en min. Sálvanme acotío, lémbranme que iso que sinto dun xeito tan profundo xa o sentiu antes alguén, e foi capaz de escribilo para que eu, hoxe, non me sinta tan soa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.