Libertad financiera

La Voz de Galicia – 6 de diciembre, 2019 →

Cristina PatoEntrei a mercar un adaptador para o meu ordenador, e alí estaba Fitz: un rapaz duns 20 anos que me axudou a atopar o que buscaba sen facerme sentir coma unha analfabeta tecnolóxica (que é o que son). Comezamos a parolar, que se canto tempo levaba traballando alí, que canto tardaba en chegar do Bronx ao Village… E entón, despois de describirme o seu día (clase na universidade pola mañá, traballo na tenda de informática pola tarde e garda de seguridade pola noite) díxome: «Agora que teño enerxía, estou a facer todo o posible para poder ter liberdade financeira aos trinta anos». Liberdade financeira? preguntei eu, e foi aí cando Fitz me deu unha lección de humanidade que nunca esquecerei.

O concepto do que falaba Fitz podía facer referencia a moitas cousas. Liberdade financeira é unha idea que xeralmente se relaciona con ingresos pasivos, ou coa capacidade de cubrir as necesidades económicas dun mesmo sen ter que traballar. Pero a idea de Fitz, e a súa paixón ao contarma, era moito máis interesante, «se ti fas o que che gusta e gañas o que precisas para poder vivir, nin máis nin menos, iso é liberdade financeira». Quedei matinando no xeito que tivo de dicirme «nin máis nin menos», como se a ambición non formase parte do seu concepto de benestar.

A súa verdade, tan sinxela e fermosa, fíxome matinar toda a noite. Pois, cando decide un frear? Canto é suficiente? En que momento decidimos cales son as condicións coas que podemos vivir felices? E en que está baseada esa decisión? Realmente Fitz, que forma parte desa xeración na que a ambición é unha obrigación, estaba a falar de ser libre de si mesmo, de poder escoller o seu benestar… nin máis nin menos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.