Libre circulación

La Voz de Galicia – 31 de xaneiro de 2020 →

Cristina PatoHoxe ás doce da noite, Europa terá un país menos. E aínda que haberá un período de transición que «facilitará» as cousas até finais de ano, a verdade é que unha se pregunta como van facer os británicos (ou como imos facer nós) cando o proceso de implementación remate e nos decatemos do que significa a longo prazo.

De hoxe nun ano, ou es británico ou es europeo; e a menos que teñas dobre nacionalidade, xa non poderás ser as dúas cousas á vez. Os británicos pasarán a ser simplemente británicos, e os 47 anos de relación coa Unión Europea quedarán borrados da súa identidade (como se fose así de sinxelo). Supoño que é o que ten que a nosa identidade cultural (e social) estea tan abertamente á disposición do poder económico.

O caso é que cando comecei a escribir esta columna, tiña máis ou menos claro cal era a miña visión do tema. Pois na miña outra vida, a de músico, paso a meirande parte do meu tempo viaxando, e son consciente dos privilexios que teño por simplemente ser europea. Na organización para a que traballo, o Silkroad Ensemble, vexo acotío as diferenzas que hai entre ter un pasaporte e ter outro. Solicitar visados para tocar en China ou nos Emiratos ou incluso no Reino Unido, pode ser un proceso infinito e non sempre frutuoso para os meus colegas coreanos, israelís, sirios e iranianos; e vir tocar a Europa cun pasaporte chinés pode levarte ao calabozo, aínda que teñas tódolos papeis en regra.

O pasaporte importa, e ás veces esquecemos que a idea de formar parte de algo que permita a libre circulación das persoas é un dereito dun valor incalculable co que non deberiamos xogar, pois corremos o risco de rematar construíndo muros para nós mesmos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.