Little Galicia

La Voz de Galicia – 13 de decembro, 2019 →

Cristina PatoEstabamos paseando polo meu barrio, o West Village, un recuncho de Manhattan que durante décadas recibiu a tantos galegos coma artistas. Un barrio no que convivían a taberna White Horse (lugar favorito de Dylan Thomas, Jack Kerouac ou Bob Dylan) cos restaurantes El Faro ou o Sevilla, ámbolos dous rexentados por galegos. Expliqueilles que a que agora é unha das zonas máis caras de Manhattan tivo no seu día un microbarrio chamado Little Spain (si, coma o novo restaurante de José Andrés).

Luisa e Inés atendían á miña declaración de amor a un lugar que non fora tan diferente ao barrio no que me criei, o casco vello de Ourense. Conteilles que hai quince anos, cando cheguei a Nova York para estudar, a comunidade galega acolleume coma unha máis. Relateilles como se me encheran os ollos de bágoas ao descubrir que a historia dos galegos de Manhattan centrábase no Village, no mesmo sitio no que convivían tódolos meus ídolos das artes e a literatura. E como rematei vivindo alí, nun fermoso estudio (ao que lle chamo Liliput) que ten como propietario a un celanovés que, á súa vez, e o copropietario, xunto con outro celanovés, do restaurante Sevilla: a miña pequena Galicia en Nova York.

Entón leveinas a cear alí, e Tito de Lima, o cantante peruano que ameniza o restaurante, ao descubrir que viña cun par de amigas galegas, comezou a cantarlles os nosos clásicos populares, en galego…

A historia de Tito da para outra columna, pois cantos non galegos teñen un repertorio en galego tan amplo coma el? Pero naquel momento, coas miñas amigas, e co Lloves, o Bienvenido, o Roberto e o Cexo, pensei na idea de que Nova York tamén é «onde o mundo se chama Celanova»…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.