Los de Arguineguín

La Voz de Galicia – 27 de noviembre, 2020 →

Cristina PatoVexo as imaxes e coma sempre pregúntome cales serán as súas historias. Canto sufrimento haberá detrás da decisión de arriscar as súas vidas nunha travesía tan perigosa coma incerta para chegar a un lugar no que, se chegan con vida, tampouco saben se haberá algunha posibilidade de saír adiante.

A estampa repítese constantemente. Cambian os portos e as rutas, cambian os medios (a pé ou en caiuco), cambian a orixe e o destino, pero o que non cambia é a realidade diaria de cada un dos seres humanos que toman esa complexa decisión; unha realidade que quizais non sexamos capaces nin de imaxinar. Pois non somos quen de xulgar a ninguén por desexar ter o dereito a ter dereitos. E pregúntome: que é o que podemos facer, como sociedade, para contribuír á solución dun problema que nin é novo, nin é pasaxeiro. Pregúntomo constantemente, e con tristura sempre chego á mesma resposta: sinceramente, non o sei.

Os medios, polas razóns que sexan, non sempre axudan a entender a complexidade da situación. Crean unha narrativa única para todos aqueles que chegan e outra para os que os reciben. E no caso das Illas Canarias, hai tamén unha terceira narrativa, que é o Goberno central. E nesa breve imaxe que emiten de Arguineguín, non hai espazo nin para as miles de historias de desesperación dos que chegan nos caiucos, nin para as dos voluntarios e traballadores que os reciben sen os medios necesarios.

Quizais ese sexa o primeiro paso: esforzarse por querer escoitar a historia de cada un deles, para así tentar entender a profundidade dun problema que é tan global coma noso, e que non vai pasar de largo a pesar de que miremos cara outro lado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.