Los otros virus

La Voz de Galicia – 6 de marzo, 2020 →

Cristina PatoFíxome graza o titular «Vendemos máis xabóns en tres días polo coronavirus que nos últimos tres anos xuntos»; pois fíxome pensar na influencia dos medios no noso día a día, e no rápido que reaccionamos cando somos nós os que podemos estar afectados. O titular, que viña das declaracións do xerente de Savelo (unha empresa de Coristanco que fabrica produtos de limpeza e desinfección), axudoume a entender o profundo impacto que ten o medo nas nosas vidas.

Semella que o COVID-19 xa está aquí, e que é unha cuestión de tempo que o contraia o noso veciño ou a nosa irmá. Pero o traballo dos medios á hora de mostrarnos as consecuencias da propagación do virus é tan a fondo que as máscaras xa se están a esgotar nas farmacias, e os xabóns véndense máis ca nunca.

Sen dúbida xa estamos concienciados de que temos que protexernos, e axiña aprendemos a tomar medidas. Escoitamos aos expertos e, a pesar das incertezas, actuamos de xeito masivo para evitar a súa propagación. É dicir, o que nos ensina o impacto das novas sobre o coronavirus é que, como sociedade, somos capaces de reaccionar e de adaptarnos ao cambio tomando medidas ás que non estamos acostumados.

E eu me pregunto: e se foramos capaces de reaccionar así en contra do resto dos virus que asoballan a nosa sociedade? Dos que están aí constantemente: o virus da desigualdade, da violencia, do racismo… Quizais cremos que estamos inmunizados, pois constantemente esquecemos a forza coa que se propagan. Pero eses virus contra os que non nos protexemos son os peores, pois o seu contaxio é tan silencioso coma inconsciente, e, sen querelo, nós tamén os propagamos cando simplemente miramos cara outro lado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.