Más farolas que vecinos

La Voz de Galicia – 16 de Marzo, 2018 →

Cristina PatoO titular dicía «Cuatro ayuntamientos ourensanos tienen más farolas que habitantes». Aparentemente Lobeira, Calvos de Randín, A Veiga e O Bolo son os concellos que contan máis farois que persoas… Fixen unha captura de pantalla para mandarllo ás miñas irmás, pois a combinación das palabras do titular era suxestiva e recoñezo que me fixera algo de graza, pero no mesmo intre no que o estaba a enviar, un arrepío paralizou o meu corpo. Que haxa máis farois que persoas significa máis cousas que o despoboamento: significa desaparición… Por unha parte pensei en por qué se precisan tantos farois e viñéronme á cabeza todos os viúvos e viúvas que viven sós no corazón do rural e na idea de que merecen os mesmos dereitos que os que viven nas vilas: iluminación.

Pensei tamén na iluminación que necesitamos na nosa sociedade para decatarnos do que está a pasar, pois na mesma semana do titular sobre os farois lera unha nova sobre o feito de que máis da metade dos municipios de Galicia contan con máis pensionistas que afiliados á Seguridade Social. Na folga de mulleres da pasada semana tamén se incluían reivindicacións para os pensionistas. Non esquezamos que o aumento do 0,25 % significa unha suba de apenas 98 céntimos ao mes para unha viúva ou para alguén cunha incapacidade permanente absoluta… E non esquezamos as razóns polas que os pensionistas (mulleres e homes) están a saír ás rúas… Mañá sábado, 17 de marzo, sairán de novo ás rúas para seguir iluminando o feito de que, se son a maioría e perden poder adquisitivo, manter o exercicio económico da outra metade, a dos afiliados, vaise converter en tarefa imposible… É un quid pro quo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.