Me gusta

La Voz de Galicia – 16 de julio, 2021 →

Cristina PatoA Maruxa pediume un bolígrafo e colleu a súa revista Burda de marzo de 1980. Escoitárame dicir que unha das teas que tiña a carón da máquina de coser era perfecta para facerme un chaleco deses que disimulan o corpo. Así que púxose a buscar na Burda de hai corenta anos un padrón para facer o meu chaleco. Cando o atopou, escribiu «este para Cris», e sentou a copiar o padrón.

Mentres tanto, eu estaba tentando responder algúns deses e-mails que levo tan retrasados, e daquela entrou o Xan para comentar que xa tiña tres mil seguidores en Instagram, e a miña nai preguntou que para que valía iso. Entón comecei a explicarlle que era Instagram, e decateime de que non teño moi claro o que é, pois non fun capaz de dicir nada mellor que «é un lugar na Rede no que a xente sube as súas fotos para ver se lle gustan a outra xente». Despois preguntoume se á xente lle gustaban as fotos doutra xente, e contesteille que non só gustaban senón que o éxito en Instagram era conseguir moitos gústame. E comezamos a falar da importancia dos gústame e do moito que inflúen no xeito de entender e amosar a vida das novas (e non tan novas) xeracións.

Comenteille tamén o que aprendín naquel documental que vin sobre os chamados influencers (literalmente influentes), e sobre o negocio que hai tralos gústame e os seguidores. Pois na Rede unha pode mercar seguidores, gústames e incluso comentarios.

Ela mirou para min algo confundida, e nese momento pensei no pouco que tiña matinado eu sobre a irrealidade da situación (mercar gústames?). Colleu as gafas de novo e comezou a cortar a tea. Rematou o chaleco ao final do día, xusto cando o Xan chegou a tres mil e un seguidores.

1 Comment

  1. Cristina, We met last year in Madrid with James Fernandez. I watched this video of a young Sephardic woman playing in Istanbul. I am told the roots of the music are Spanish. Her music captured me like yours when I first saw you perform on Youtube. I hope you enjoy it like I did, Hope to see you in November in Gijon. Mike Munoz

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.