Memoria histórica

La Voz de Galicia – 11 de enero, 2019 →

Cristina PatoA verdade é que sempre pensei que o meu pai e a miña nai viñan de dous países diferentes. As de Berredo e os de Armariz non tiñan nada que ver. Falaban e relacionábanse de xeito distinto, até mudaba o xeito de facer pan ou chourizos. A miña teoría era que os dun lado tiñan don de xentes porque na súa terra vivían das profesións itinerantes e desenvolveron ese talento para sobrevivir, e os do outro tiñan boas terras, e con iso chegaba para saír adiante. Incluso as razóns para emigrar eran diferentes: ela buscaba saír; el, marchou prófugo.

Hoxe a nosa terra está máis unificada con respecto a acentos e formas de ser, pero ás veces, cando me atopo por exemplo na costa, teño a sensación de estar nun país distinto, cos seus costumes e rutinas. É realmente fascinante pensar que en menos de cen kilómetros unha pode sentirse migrante; pois cando unha marcha da súa contorna a outro lugar, por moi preto que sexa, tenta adaptarse a ese novo modo de estar e de facer. Non fai falla marchar lonxe para sentirse de fóra.

Estes días, lendo sobre Trump e Vox, penso na perda da memoria adquirida polos dous países que coñezo tan ben. Países que percorrín de punta a punta, que me ensinaron a ver as cousas con perspectiva, onde coñecín migrantes de todas partes e aprendín de todos eles.

A migración humana trae progreso, os de fóra dannos a oportunidade de mirar ao noso con outros ollos, de intercambiar ideas. Todos merecemos os mesmos dereitos e oportunidades. É por iso polo que non debemos esquecer cantos, entre os nosos, foron refuxiados, escapados ou migrantes, para así non nos deixar levar polas ondadas de odio que semella que están a mudar o mundo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.