Momentos para llevar

La Voz de Galicia – 30 de noviembre 2018 →

Cristina PatoO Pin berrou: «O 36! O cordeiro é para a Maruxa do Dositeo!». E de súpeto á Maruxa descompúxoselle a cara, cunhas bágoas que apenas lle deixaban pechar os ollos e cun radical sorriso. Leva toda a vida xogando o número 36: para a lotaría de Nadal, para a primitiva… Pero como pasa na meirande parte dos casos, tamén leva toda a vida sen recibir premio ningún. A súa faciana amosaba unha felicidade infinita, non sei se polo premio (un cordeiro vivo) ou por escoitar de novo o seu nome enlazado ao de meu pai. Hai quince anos que enviuvou, e a festa de Armariz era, para o Dositeo, a celebración máis importante do ano.

Estabamos na aldea, e, por primeira vez en moitos anos, lograramos xuntarnos tódalas mulleres da casa para celebrar as festas. Mesmo conseguiramos levar a nosa nai ao campo a botar un baile… Entón, entre pase e pase da orquestra, a comisión de festas subiu ao palco para «entregar o ramo», pero antes comezaron a berrar os números das rifas e os seus correspondentes premios. E foi así como comezou a miña escena favorita do ano, a máis emocionante.

No comezo do derradeiro mes do ano tento pensar cales son as cousas que quero levar comigo cara adiante, e cales son as que non merecen ser lembradas. Decembro xa está aquí, e eses versos de Cernuda que memoricei hai vinte anos semellan máis relevantes ca nunca: «Sé que a solas, aburrido / de estar vivo y quedar muerto, / pasas el tiempo, o te pasa / el tiempo sin tú quererlo». Cos anos unha aprende a descartar o que pesa e a quedar só cos momentos que, cando todo vai mal, énchennos os ollos de bágoas cun radical sorriso. Como o da Maruxa. Que fixemos co tempo este ano?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.