Nuestra lengua

La Voz de Galicia – 18 de Mayo, 2018 →

Cristina PatoA nosa lingua, coma a nosa gaita, sobreviviu centos de anos, a través dunha historia convulsa, grazas á nosa xente. A nosa existencia, a nosa identidade cultural, non pode ser nin entendida nin explicada sen a nosa fala e a nosa gaita (entendendo a gaita como unha metáfora da nosa música). A realidade de ser diferentes nun mundo nos que todos loitamos por facernos oír é un dos valores máis poderosos do que, para min, significa ser galega: celebrar a diferenza para poder medrar como sociedade.

Crieime escoitando a meus pais falando en galego excepto cando nos falaban a nós, ás súas catro fillas. Falaban galego entre eles, coas súas respectivas familias, coa xente das nosas vilas… pero a nós criáronnos en castelán. Só falaba galego cando me falaban en galego, e intentar desnormalizar esa realidade, incluso comigo mesma, é un compromiso que tiven que adquirir. Pois, se temos unha fermosa lingua propia, por que non a falamos en tódolos contextos? Cales son as razóns que nos frean a usala en tódalas realidades da nosa sociedade?

Toco un instrumento que de xeito natural me obriga a contar a historia de Galicia, e cada vez que a conto, xa sexa na China, nos Emiratos ou en Harvard, vexo o impacto que ten a nosa historia como paradigma do poder da cultura como motor económico e social, como construtora da nosa identidade.

Maria Victoria Moreno definiu a súa opción polo galego como «unha historia de amor». A fala e a música xa nos mostraron a súa forza para estar por riba de calquera decisión política: o pobo foi capaz de mantelas por amor ao seu, pola paixón de falar a «mimosa, soave, sentida e queixosa» lingua que nos fai realmente internacionais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.