Nuestro baile

La Voz de Galicia – 8 de Junio, 2018 →

Cristina PatoCando vin ao galego-americano Andrés Camaño comezar a impartir a clase de baile galego emocioneime. Estabamos na Universidade de Princeton, e eu sentíame especialmente orgullosa de que foran eles os que me propuxeran traer «ese baile tan fascinante» ao seu novo programa.

O ciclo Princeton University Concerts quería facer algo especial na súa serie de concertos de música de cámara: engadir unha clase de baile para os que mercaran a entrada. Comezaban así cunha pioneira serie chamada Dancebreak, na que o público non só podería ir a escoitar unha suite de Bach, senón que tamén podería aprender a bailar as danzas que dan forma ás suites barrocas. O seu concerto inaugural incluía un dos meus proxectos, e para a súa nova serie púxenos en contacto con Andrés, o mestre de baile vencellado a moitos dos centros de galegos en Nova Jersey e Nova York, que leva décadas transmitindo o amor e o respecto polo noso baile ás xeracións de galego-americanos que xa naceron nos EUA. Veu acompañado das súas alumnas (vestidas co noso traxe), e a súa paixón foi contaxiosa: profesores, alumnos, e amantes da música (que nada tiñan que ver con Galicia), remataron a tarde bailando unha muiñeira en comunidade. A foliada chegou a Princeton.

O meu desexo é que a próxima declaración do baile galego como ben de interese cultural sirva para nutrir, apoiar e fomentar o desenvolvemento a longo prazo das moitas asociacións e grupos que levan décadas mimando e celebrando a nosa mellor mostra de comunidade. Moitos deles estarán estes días en Santiago nunha macro foliada (Serán 01) dirixida polo mestre de mestres do noso baile, Henrique Peón. Longa vida ás asociacións que coidan do noso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.