Otros rebrotes

La Voz de Galicia – 31 de julio, 2020 →

Cristina PatoA calor era tal que decidimos pasar a tarde no que era o cortello da casa, que, aínda que está reformado, segue a ser un espazo pequeno, angosto e escuro, con muros de metro e medio. Estabamos fresquiñas, coa luz acesa e tombadas enriba da cama: eu cun libro e ela coa súa revista con exercicios para a memoria que pode ler mil veces porque, como ela di, esquece o que le aos tres minutos. No cortello case non entra luz e está tan illado que no verán é coma unha pequena neveira.

De súpeto soou o timbre, e cando saín ao patio para abrir o portón a luz do día era de po dourado e o ar estaba cargado de cinza de piñeiros. A miña veciña, que hoxe traía unha bolsa con berenxenas e remolachas da súa horta, dixo: «Está ardendo o monte por riba da igrexa». E eu pensei: «Pois menos mal que timbraches, pois podiamos estar aí até a noite sen decatarnos de nada».

A Maruxa e máis eu decidimos saír a ver que pasaba (coma se puidésemos facer algo!). Eu saín coa bata que tiña posta, e ela dixo que tiña que ir ben vestida porque «seguro que hai moita xente alí arriba». Subimos até a igrexa, vimos o desastre de lonxe, e, no momento que cambiou o vento e o fume inundou o noso espazo, decidimos volver ao noso pequeno búnker, pois xa case non dabamos respirado.

A estampa repítese cada verán. Cambia o nome da aldea, da comarca ou do monte, pero non cambian os feitos. Ourense arde, ás veces aos poucos, ás veces ao grande. Arde sistematicamente. E hoxe, preocupados polos rebrotes da covid-19, temos que engadir os rebrotes dos incendios que asoballarán a terra todo o verán, e que seguirán sendo ese outro virus que non nos deixa respirar e para o que tampouco temos vacina…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.