Para la tolerancia

La Voz de Galicia – 16 de noviembre, 2018 →

Cristina PatoTolerancia é unha palabra complexa. Segundo o dicionario da Real Academia Galega, tolerancia é «a calidade de quen respecta as opinións e actitudes dos demais aínda que non coincidan coas súas». Pero de onde vén esa calidade? Como a fomentamos?

A Unesco celebra hoxe o Día Internacional para a Tolerancia. A ONU pretende «fortalecer a tolerancia mediante o fomento da comprensión mutua entre as culturas e os pobos», e por iso declarou, no ano 1995, o día 16 de novembro como o día para lembrarnos, entre outras cousas, que os estados deben «lexislar para protexer a igualdade de oportunidades de tódolos grupos e individuos da sociedade».

Hai anos que traballo con organizacións que usan as artes para o entendemento entre culturas, para a tolerancia; pero nese traballo independente tamén vexo a diferenza entre os que din que están a cambiar o mundo e os invisibles que, sen medios e sen apoio, están a cambialo acotío… Como podemos deixar de falar dela e comezar a practicala?

Imaxinar unha realidade na que todos somos capaces de coidar, nutrir e practicar esa calidade: un utópico mundo no que viviriamos sen guerras -claro exemplo da intolerancia duns poucos cara ao sufrimento de moitos-, sen refuxiados atoados entre dous mundos igualmente crueis e vivindo situacións extremas decote, sen violencia.

O lema é claro: «A diversidade de relixións, culturas, linguas e etnias non debe ser motivo de conflito, senón unha riqueza valorada por todos», pero entón lemos o periódico, ou saímos á rúa, e damos de fronte cunha realidade que dista moito da definición da palabra tolerancia, e unha pregúntase onde foi que nos perdemos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.