Patrimonio y velocidad

La Voz de Galicia – 19 de abril, 2019 →

Cristina PatoEsta semana, cando escoitaba aos locutores da radio describir a caída da agulla central da catedral de Notre Dame por causa do lume, quedei matinando na variación de velocidade coa que podemos chegar a perder o patrimonio material da nosa humanidade. Pensei no número de BIC (bens de interese cultural) que xa se botaron a perder na nosa terra, ou nos que por descoido ou falta de financiamento están a desaparecer agora mesmo. Lembrei a cantidade de mosteiros abandonados que acostumaba visitar na miña provincia, Ourense, unha das provincias con maior volume patrimonial do país. Pensei nas historias esquecidas da nosa terra que foron desaparecendo a través a desintegración do noso patrimonio. Hai desastres, coma o de Notre Dame, que fan que algo desapareza en minutos, e hai desastres, coma o noso, que fan que as cousas desaparezan en décadas e séculos. Sen dúbida son ritmos e circunstancias completamente diferentes, pero non por iso menos catastróficas.

Pero estas perdas non só afectan ao noso patrimonio material. Cando esta semana se inauguraba a exposición «As Benvidas», en Nova York, non puiden deixar de pensar no paralelismo que hai co noso patrimonio inmaterial. É incrible ver como unha pequena selección de fotografías da emigración galega nos EUA nos pode axudar tanto a entender a historia do noso país a primeiros do século XX. Momentos da nosa historia que probablemente nunca serían visibles se non fora polo traballo de documentación dos seus dous comisarios, o periodista Luís Argeo e o hispanista e profesor da New York University James Fernández. O seu é un xeneroso exercicio de recuperación dese patrimonio esquecido.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.