Perspectiva propia

La Voz de Galicia – 10 de julio, 2020 →

Cristina PatoHai días nos que perdo a esperanza e tiro a toalla. Nos que non teño gana de nada, pois só queda esperar a que pase. E hai outros días nos que me ilusiono cun pequeno proxecto, cunha cousiña de nada que, de súpeto, fai que recobre a perspectiva e a paixón por seguir vivindo como vivín sempre: sen ningunha garantía de que o que teño sexa para toda a vida. Supoño que os días nos que perdo a esperanza son os días nos que esquezo que todo é pasadío, especialmente a saúde e a felicidade. E supoño que é a nosa perspectiva persoal a que fai que decidamos considerar os momentos nos que nos sentimos ben como as memorias que constrúen as nosas vidas.

Oxalá fósemos capaces de aprender a ter perspectiva do mesmo xeito que se fai cando unha aprende a debuxar: paso a paso, probando, até dar coa perspectiva axeitada para a idea do que queremos debuxar, até dar coa perspectiva axeitada ao noso xeito de debuxar a vida. Sería fermoso poder aprender a vivir así. Ensaiando os pasos, sen abafarnos porque non saen ben, sen sentirnos mal por ter que rachar o papel no que comezamos o debuxo, sen decepcionarnos a nós mesmos por non ter chegado ao resultado que imaxinamos.

Perdo a esperanza cando perdo a perspectiva, e ás veces tardo en recuperala. Pero hoxe simplemente desexo que este tempo de pandemia sirva para aprender a valorar as pequenas cousas que nos enchen e emocionan, as cousas que nos dan unha perspectiva propia, sen deixarnos levar pola doutros. Pois nestes días, nos que vemos como nos afecta a constante opinión pública nos medios e nas redes, unha tamén ten que aprender a ver que a perspectiva non é sempre tan propia como cremos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.