Pido justicia

La Voz de Galicia – 19 de octubre, 2018 →

Cristina PatoAs novas eran desoladoras: segundo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico, España aparece de segunda no seu ránking de pobreza infantil, cunha porcentaxe do 28,9 % (Noruega ten un 3 %). Pero ese mesmo día saía unha noticia sobre un estudo da Universidade de Washington, que sitúa ao noso país como o país con maior esperanza de vida no 2040, unha noticia que me fixo pensar no paradoxo que supuñan as dúas novas combinadas: entón, os nenos que se atopan hoxe en situación de pobreza, os que forman parte dese 28 %, vivirán máis?

Por outra banda, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social lembrábanos a diversidade do perfil da pobreza no noso país, pois semella que hai máis dun millón de titulados universitarios dentro do 21,6 % de habitantes que viven en risco de pobreza. E entón pensei en meus pais, e no seu xeito de inculcarnos os estudos para poder prosperar economicamente, e no paradoxo de que, na súa xeración, non ter estudos supuña dificultades, e na nosa, telos non nos libra necesariamente delas… Que tipo de formación precisamos inculcar hoxe á seguinte xeración para que prospere, ou, neste contexto, sobreviva con dignidade?

Esta semana celebrouse o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, e co gallo desta conmemoración as palabras do secretario xeral das Nacións Unidas lembrábannos que «a erradicación da pobreza non é unha cuestión de caridade, senón de xustiza»; e entón pensei no paradoxo de que, se un dos piares da sociedade é a xustiza, onde está a xustiza que axuda a avanzar o noso benestar? Onde está a nosa xustiza social?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.