Prioridades y perspectivas

La Voz de Galicia – 13 de marzo, 2020 →

Cristina PatoA verdade é que coincidiu así. Tiñamos plans para vir estes días a Ourense, pois era a miña semana de vacacións na universidade, e Xan, o meu marido, tiña unha feira de arte en Londres. Cando o martes chegamos ao aeroporto de Newark, o meu amigo da TAP e máis eu achegámonos para abrazarnos, pois xa había tempo que non nos viamos; pero de súpeto decidimos non facelo. Na porta de embarque coincidimos de novo, e coma sempre comezamos a falar da vida e do que significa ter 75 anos e traballar no que máis che gusta, que no seu caso (coma no meu) implica contacto diario coa xente. O Xan preguntoulle se volvería a Portugal cando se xubilase, e el, sorrindo, dixo: «cando me xubile morro, pois a min páganme por facer o que me gusta, e se non o podo facer, pois non sei…».

Levo collendo ese voo 16 anos. A liña Manhattan-Ourense sae de Newark ás 23,00 horas e fai que poida estar coa miña nai ás once da mañá do día seguinte, pois chega a Oporto (o aeroporto internacional de Ourense) ás 8,00 horas. A piques de pechar a porta do avión para saír, o meu amigo entrou a despedirnos, e esta vez, sen dubidalo, abrazámonos coma sempre, sen pensar nos virus.

Cando tomamos a decisión de non mudar os plans de vir, sabiamos que por mor da corentena, probablemente non poderiamos cumprir cos compromisos profesionais á volta; pero tiñamos as prioridades claras. E o mércores, xa coa Maruxa ao lado, saíron as novas das restricións de viaxe entre Europa e os EUA, e así, á noitiña, sentados na lareira os tres, preocupados pola realidade que nos espera a nivel persoal e económico, a Maruxa, contenta, dixo: «teredes que quedar aquí unha tempada… aínda que nunca choveu que non escampara».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.