Propósitos

La Voz de Galicia – 3 de marzo, 2023 →

Cristina PatoEstes días volvín darlle voltas á cabeza sobre o que significan os propósitos na vida, e sobre o que nos pasa cando deixamos de telos, ou os perdemos, ou simplemente non somos capaces de atopalos. Segundo a RAG, propósito é «aquilo que un se propón realizar ou ao que se aspira», pero a realidade é que, aínda que non sempre o propoñamos de xeito consciente, todos temos un propósito nalgún momento das nosas vidas, e todos sentimos o que pasa cando o perdemos. Pensaba naquel amigo meu que perdeu o rumbo cando perdeu a nai, pois o seu propósito era facerlle a vida o mellor posible; pensaba naquela amiga miña que deixou de «querer facer» cando o sistema a obrigou a xubilarse, pois o seu propósito era ensinar e compartir coñecemento… Pensaba sobre todo nos propósitos que guían a nosa existencia e que se converten no noso motor, e non na ambición dos obxectivos profesionais relacionados co poder.

Coma tantas veces, comecei a preguntarme cales eran os meus, e como me guiaba a través deles, especialmente nestes últimos anos nos que a tristura non sempre me deixa albiscalos ben. Entón lembrei aquela clase na que a miña compañeira, a música, pediatra e profesora Lisa M. Wong, facía referencia a algunhas frases do tamén músico, médico, teólogo e Premio Nobel da Paz (1952), Albert Schweitzer. Wong falaba da idea do servizo, da idea de contribuír ao benestar da súa contorna a través das artes, falaba da súa inspiración para traballar na intersección entre música e medicina, e mencionaba as palabras de Schweitzer que, dalgún xeito, me están a servir de guía nestes días: «O propósito da vida humana é servir, e amosar compaixón e a vontade e axudar a outros».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.