Quince segundos

La Voz de Galicia – 25 de enero, 2019 →

Cristina PatoNon lembraba moito máis que o feito de que crecín con eles. Lembraba os personaxes, e algunhas das mensaxes, pero non era consciente da profundidade do contido. Tampouco me dei de conta de que a miña paixón pola diferenza durante a adolescencia estaba probablemente ligada á miña exposición a eles. Esta semana, cando lin a noticia sobre a morte da directora e creadora do programa, Lolo Rico, e de súpeto os vídeos de La bola de cristal estaban por tódolos medios, quedei pensando un chisco no feito de que nunca reparara na fermosa franqueza coa que se dirixían a nós, as rapazas da xeración dos 80. Cunha muller como directora e creadora, cunha presentadora radicalmente diferente aos estándares da época, cunha linguaxe inventada e cunha curiosidade infinita por querer, e poder, aprender a saber. Era unha verdadeira mensaxe de liberdade, como ela mesma confesara, que en certo modo calou en moitas de nós.

Tampouco reparara no poderoso dalgunha das súas mensaxes: o amor pola literatura, representado co seu «si no quieres ser como estos, lee»; as críticas ao sistema, co seu «viva el mal, viva el capital»; o seu xeito de ensinarnos a pensar, co seu «desenseñar a desaprender»; e o meu favorito: «tienes 15 segundos para imaginar, si no se te ha ocurrido nada a lo mejor deberías ver menos la tele».

Quince segundos para imaxinar dan para tanto! En quince segundos unha pode crear tantas cousas na súa cabeza! Ou simplemente desconectar e deixar de mirar imaxes inconexas no móbil que, ás veces, o único que fan é levarnos a perder o tempo, a deixar de pensar. O móbil que, se cadra, tamén nos converte nun deses monstros do seu «se non queres ser coma estes, le».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.