Realidades paralelas

La Voz de Galicia – 3 de mayo, 2019 →

Cristina PatoAlí andaban, coma sempre, nos xardíns do Padre Feijoó. Ás veces non paran de falar, ás veces están caladas durante horas e algunha vez tamén as vin rifar. Non sei cando foi a primeira vez que me decatei delas, pero hai máis dunha ducia de anos que son consciente de que están sempre aí. Son nai e filla, van sempre xuntas e non sei moito máis da súa historia. Só sei que están sempre na rúa, que van de igrexa en igrexa e que fan a mesma ruta de camiñantas que levamos facendo a miña nai e máis eu toda a vida: o circuito do Ourense vello: Burgas, catedral e parque de San Lázaro, coa ida por Santo Domingo e a volta polo Paseo.

Camiñan paseniño, coma nós, e a meirande parte das veces vai a nai agarrada do brazo da filla, coma nós. Hai algúns anos que a miña nai dixo «mira, aí vamos nós», e desde ese momento comezamos a referirnos a elas como «a Maruxa e a Cristina». Non nos coñecemos oficialmente, nunca nos saudamos e non sei se elas se decatan do mundo que as rodea do mesmo xeito que o percibimos nós.

Á miña Maruxa gústanlle as procesións, e na de Semana Santa vimos á filla soa. Ía ben amañada, coa súa saia de cor púrpura e a súa camisa negra, cun rosario e unha cruz xigante, probablemente dalgunha confraría. Ía no seu mundo, coma sempre, pero esta vez coa cara desencaixada. Logo, na nosa volta pola catedral, volvina ver, e por primeira vez na miña vida achegueime a ela: «Como está a túa nai?», e ela, como se nos coñecésemos de sempre, contoume o que lle pasaba e deume as grazas por preguntar.

Quedei triste, pensando que en todos estes anos nunca me parara a preguntar se precisaban algo. E de súpeto, sentín a soidade que só senten os que se saben invisibles.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.