Realismo mágico

La Voz de Galicia – 6 de noviembre, 2020 →

Cristina PatoNo momento no que escribo esta columna aínda non se sabe quen será o próximo presidente dos Estados Unidos. Pero unha cousa si que está clara: o país está tan polarizado que unha xa non entende as verdades ou mentiras que fan que cada un decida a quen quere votar e porqué.

Volveron as sirenas e os helicópteros ao meu barrio. Comezaron o martes pola noite, pero non foi até o mércores cando o enxordecedor ruído dos motores deambulando polo ceo do Greenwich Village provocaron en min máis intranquilidade da que xa tiña. E é que regresaron as protestas ao corazón de Manhattan: protestas para protexer os resultados e defender a democracia, protestas para que se conten tódolos votos, protestas en contra do racismo e do fascismo, protestas en contra dos uns e a favor dos outros…

A verdade é que non teño moi claro que pasará nos próximos días, nin como reaccionará a sociedade. Supoño que todo dependerá de como se comporten os candidatos á presidencia que, por graza ou por desgraza, representan á metade da poboación, pois esa é a realidade na que estamos agora. E nestes meses nos que engulín a obra completa de García Márquez, non podo deixar de pensar na idea de que, entre a pandemia e a división política e social, o mundo está inmerso nunha especie de realismo máxico, tirando a tráxico, do que sabemos que tardaremos en saír (se é que non imos en círculos).

Neste lado do océano cada un sacará o peor de si para poder gañar. E no lado dos mortais que non compiten por nada máis que a supervivencia seguiremos preocupándonos en cultivar a paciencia e a esperanza, buscando algo que nos alegre a vida mentres soñamos co día no que poidamos deixar de lado as incertezas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.