Relatos

La Voz de Galicia – 16 de abril, 2021 →

Cristina PatoEstaba buscando un relato que lle escoitara á miña nai o ano pasado. Tíñao gravado nunha das moitas entrevistas que lle fixera, así que mentres facía o xantar puxen a gravación e comecei a escoitala de novo.

Pero as entrevistas coa miña nai van saltando no tempo, e o seu relato pasaba directamente do buque Montserrat no que emigrou ao momento no que comezou a traballar pola súa conta. Para variar, obviaba eses dous anos que hai entre que chega e se fai independente, que eran os que me interesaban.

O caso é que comezou a falar do traballo que tiña en Caracas. Do feito de que alguén lle dixera ao seu xefe que ela cosía moi ben. E que, sen mediar moitas palabras, o xefe, que non era galego, encargáralle facer os traxes rexionais galegos que solicitaba a comunidade para o Carnaval. Nese momento da gravación, a miña nai di «e eu, que nunca me vestira de galega, púxenme a buscar selos para poder copiar os traxes»; entón pregunteille «e de que vos vestiades na Bola?», e ela respondeu «de nós».

A verdade é que nunca me parara a pensar onde aprendera a miña nai a facer os traxes «de galega» das súas fillas. Lémbroa organizando abelorios e coséndonos petos debaixo do mandil para que a miña irmá Raquel e mais eu puideramos ir tocar as alboradas cos cartos e a documentación ben gardadiñas. Pero nunca imaxinara que a súa primeira exposición a eles fora en Caracas e a través deses selos de traxes rexionais tan habituais nos anos sesenta…

Finalmente non atopei o relato que andaba a buscar, pero, coma tantas outras veces, a historia da miña nai axudoume a seguir construíndo ese concepto, tan complexo coma contraditorio, ao que chamamos «identidade cultural».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.