Romerías e identidad

La Voz de Galicia – 12 de julio, 2019 →

Cristina PatoEra unha reunión por teléfono co meu equipo da universidade. Ao rematar, un dos meus colegas preguntoume como era a miña axenda cando estou aquí, en Galicia. Eu contesteille que tento seguir os tres horarios de traballo que levo: o de Nova York, con seis horas de diferenza; o de California, con nove; e o da miña aldea, con miña nai e o seu xeito de entender o tempo.

Leveina ao salón de peiteado: «Mira que raíces teño». Ao día seguinte era o San Cristovo, o patrón da aldea de meu pai. Saímos no coche para ir á misa e polo camiño paramos a mercar flores, pois «sabe Deus como está a tumba de teu pai». Da miña casa a Armariz non debería tardar máis de 40 minutos; ía escoitando a miña nai, saltei a saída e levoume hora e media. Chegamos, sacamos as malas herbas da tumba, puxemos os sempiternos caraveis vermellos, ouvimos as campás e baixamos correndo á igrexa.

Unha romaría máis, coma os centos de romarías que no verán e acotío celebran o noso xeito de entender a vida. Romarías coma a do Carme, que ás veces xa pouco teñen que ver coa relixión, senón máis ben cun modo concreto de lembrar como eramos e como estamos a deixar de ser.

Crecín nas romarías. Como gaiteira era un oficio, como filla unha obrigación. Pero agora, entre reunión e reunión, e con poucas horas de sono, ir limpar a tumba de meu pai no mesmo día no que el levaría o seu coche para ser bendicido semella unha pequena utopía. A aldea, baleira, xa só se enche para as romarías. E nós, que somos os nosos costumes, non debemos esquecer que a nosa identidade cultural defínese a través do xeito que tiñamos de celebrar todo en comunidade: o santo ou a seitura. Cal será a utopía do mañá?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.