Serva do tempo

La Voz de Galicia – 3 de Agosto, 2018 →

Cristina PatoSempre pasa pola mañá, sempre vai ben composta e sempre que lle digo que suba a tomar o café dime que non, que xa o tomou, que vai onda as galiñas. Na bolsiña que trae van unha ducia de ovos, e unhas cantas leitugas desas que triscan na boca e que me lembran ás da horta de miña nai. Probablemente pase sempre á mesma hora, non o sei, porque se estou a traballar na casa non levo conta das horas. Pero a súa rutina parece libre, parece que a marca ela. Se cadra escoita o ritmo dos días, do campo e dos animais (como tantas outras mulleres da súa xeración) e navega a través del.

Cando estou traballando na miña casa como cando teño fame, escribo cando teño algo que sacar da cabeza, toco cando teño que estudar e improviso cando me atasco. A miña rutina é a da sensación de facer o que quero cando quero. Aínda que só sexa unha sensación, coido que sigo o meu propio ritmo e que son a dona do meu tempo. Pero ao saír do meu minimundo particular as cousas cambian. As horas, na miña profesión, marcan os ritmos, son imperativas e cambian de seguido: entón convértome en serva do tempo dos outros e comezo a cuestionalo todo.

Cando as miñas sabias septuaxenarias falan do seu pasado antes da emigración sempre me contan as súas rutinas cunha fermosa mestura de pena e alegría: tiñan a rutina do día, incriblemente dura, pero en certo modo eran donas do seu tempo e traballaban para o seu. Os que vivimos no medio, os que podemos gozar tanto da rutina estrita como da falta de rutina, sabemos que ningunha das dúas nos dá a felicidade plena. Só a sensación de poder navegar entre elas é o que nos fai libres para escoitar o ritmo do noso tempo, e recuperar a súa propiedade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.